|
26 de Xaneiro do 2010
O próximo martes día 26 de Xaneiro o Alcalde de Ourense asinará 9 convenios de colaboración coas empresas: GALEGA DE ENXEÑERÍA E INSTALACIÓNS, ELECTRICIDADE JAVIER FERNÁNDEZ, SOLAR PEREIRO, S.L., TEYDI, S.L., CODIGALCO, S.L., ELECTRICIDADE GORGOSO, S.L., ITEGA-Ourense, S.L., ANTOLÍN INSTALACIÓNS, S.L. e DIEGOMAR CONSTRUCIÓNS, S.L. co obxectivo de permitir ao alumnado do Proxecto Auria Inserta a aplicación práctica dos coñecementos adquiridos na súa formación académica, preparándoo para o exercicio da actividade profesional e facilitando a súa incorporación ao mercado de traballo.
AURIA INSERTA é un proxecto de inserción sociolaboral que depende da Concellaría de Economía, Facenda, Emprego e Promoción Económica do Concello de Ourense e en cuxo financiamento é copartícipe o Fondo Social Europeo. Ten como obxectivo prioritario articular un sistema de integración socio-laboral que permita favorecer o acceso a un posto de traballo das persoas pertencentes aos colectivos máis vulnerables e con maiores dificultades de inserción ou reinserción laboral do Concello de Ourense, a través dun proceso de formación especializada. Ata a data proporcionou formación especializada a 150 alumnos, maioritariamente mulleres, dun tramo de idade de entre 35 e 45 anos e que levaban unha media de 10 meses desempregados, dos cales máis dun 45% xa logrou acceder ao mercado laboral.
No marco deste Programa, acaba de finalizar a parte teórica do curso de "Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas", no cal, dende o pasado Setembro e ao longo de 390 horas lectivas, os alumnos recibiron unha extensa formación teórica sobre o tema, que completarán con 210 horas de prácticas a desenvolver nas empresas asinantes dos convenios citados e que deste xeito achegan a súa colaboración á posta en valor dos obxectivos do programa.
Na actualidade estase a desenvolver a parte teórica dos cursos: "Montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas", "Atención sociosanitaria a persoas en domicilio" e "Atención sociosanitaria a persoas en institucións", estando previsto o inicio de novas accións formativas no segundo trimestre de 2010. |